domingo, 1 de abril de 2012













UN VOYAGE MERVEILLEUX. 
UNHA VIAXE DE INTERCAMBIO
LALÍN - RENNES
MARZO 2012


Nota: (As entradas están en 
sentido inverso aos días naturais da viaxe)



10º e derradeiro día

Sábado 31 de Marzo de 2012



Amenceu, que non foi pouco, e alá marchamos trepar a Torre, primeiro polas escadas e logo en ascensor, ata chegar ao cumio das nosas aspiracións. Visita tranquila, fotos a tutiplén e volta cos pes ao chan para xantar ao pé do Sacre Coeur. Profes contei 34 sex-shops! Vaia sitio polo que nos traedes!!!












Aquí rodouse Amélie... mira ti! 










As tendas de souvenirs nunha hora. Gastar os últimos euros e voltar ao albergue. Recoller as maletas e a toda presa cargalas no bus. Javier agarda impaciente. Non se pode parar, hai que marchar, esa maleta non é nosa, fáltame a mochilña, sóbrame unha bolsa... Et voilà.










 
Como por arte de maxia estamos na carretera de novo.


Volta a casa.


Cansos pero nunca derrotados.











9º día
Xoves e Venres, 29 e 30 de Marzo de 2012

Abandoamos Breizh cheos de sono e de soños. Achegámonos a París esgotados pero co verme da aventura rebulindo no interior.



Vaia merda de albergue profe!!! Chissss, é o que hai! París ben merece este sacrificio. Deixamos as maletas e imos á conquista da cidade. Notre-Dame de Paris primeiro destino. A praza abarrotada de turistas coma nós. Imos sendo engulidos polas bocas abertas da catedral baixo a mirada severa das gárgolas penduradas nas torres góticas truncadas. Maxestuosa e acolledora, imos saíndo do seu ventre para dirixirnos ao Musée du Louvre.



















Agás unha hora para saúdar ás principais obras de arte.

 


 
Un paseo polas tendas, un café e de novo á descuberta. Jardin des Tuileries, portas pechadas, La concorde e os Champs Elysées invadidos de xente.

 
 


 
Escurece e subimos ao Arco do Triunfo. A rotonda más fermosa permítenos ter unha primeira perspectiva da beleza da cidade da luz.



A Tour Eiffel coma un faro vixia, coida de nós. Despois de tanta calma comeza a carreira. Imos cear, correndo temos cita no Bateau Mouche. Hamburguesas, eu sen queixo, eu non como comida basura, cuando te vi basura me volví, des frites avec du coca, veña unha cola, quen falta, eu non teño, a min cambiáronma.... non hai tempo, correndo ao metro coa comida no papo. Entramos correndo, saímos correndo, alí é!!!! Si, si, chegamos, veña cada quen ao seu sitio, sentarse e comer con calma, se podedes. Profes estades coma chotas! Chégalle ben, pero estamos que é o importante. 
O silencio da noite ao voso lado dura pouco. Cinco minutos para acabar de tragar a basura de comida e... a berrar. A ribeira do Sena superpoboada de xuventude agarrada aos abrigos e ás botellas, mentres no bateau a adolescencia enche de ecos os baixos das pontes. Arden ás gorxas e saltan os flaxes das cámaras que queren gardar a toda costa o momento en que a Tour Eiffel iluminada domina todas as emocións.






 Cando remata o paseo comeza a ruta cara aos candados do amor. Alí, no frío ferro da ponte, os fríos candados gardan promesas de fidelidade eterna. Cada candado unha historia de amor, cada historia unha cadea que amordaza algún corazón. E os corazóns adolescentes tolos por er os seus corazóns de cadeas e de historias... Deixémonos de historias que o último metro está a saír... Cansos pero non derrotados retirámonos ao noso super albergue, onde nos agardan doces sabas de seda, bañeiras de hidromasaxe e amplos e espazosos dormitorios perfectamente decorados... A vida é así, proporciónanos, cando menos o agardamos, os momentos máis sublimes. Vive la France!!!













8º día
Mércores 28 de Marzo de 2012 (pola mañá)


Último día cos correspondentes. Mércores de excursión conxunta a Saint Briac. Dous buses leváronnos ata a beira do mar outra vez. Esta vez mesturados coas compañeiras e compañeiros bretóns, ás veces mesmo moi mesturados...





Traballo en grupo. Oito equipos, varias probas que nos levan polo burgués e precioso pobo de Saint Briac. Ás veces non vemos o que hai que ver, outras cos ollos tapados quixeramos ver pero perdémonos en intentos fallidos. Gilles gozando do seu traballo de pescador, e todos mortos de risa...












8º día
Mércores 28 Marzo de 2012 (pola tarde)


Cita na praia para comer e seguir xogando.
Area, sol e mar azul como decorado de fondo. Escena primeira, na praia, mediodía, moita luz.

Os figurantes instálanse por grupos de afinidades na parte alta da praia mentres a marea baixa discretamente con latexos suaves de ondas con encaixes de Camariñas. Os corpos expostos ao sol comezan a achegarse por parellas... soa a música do desexo ao compás da necesidade de conquistar a beleza... Primeiros agarimos salgados que voan coa brisa.



Primeiros bicos de efímeros namorados que van e veñen. Ás veces o amor dura tanto como o percorrido das ondas, outras case tanto como as mareas, e algunhas veces ese amor instantáneo xoga a durar varios días. O salitre desaparece, e os corpos loitan por desfacerse da idea de soidade achegándose a outros corpos. Ensaio e erro cheos de paixón. De súpeto a sombra alongada do gran Gilles aparece de novo. Un caldeiro de auga, uns cantos corchos e os grupos arredor do seu lider que trata de ser o máis rápido a pesares de estar medio afogado. Bufan os comedores de corchos aguilloados polos seus compañeiros. A auga libera aos figurantes da fase romántica e comenza a competición. Oito botelllas, oito equipos, un vaso de plástico e todos a correr. O mar observa aturdido as carreiras. Os berros histéricos rachan a brisa como espadas, os corazóns fan percusións a contratempo nas caixas dos peitos e... finalmente estalan as risas, cun estrondo de fogos de artificio arrincados das entranas da victoria.
Escena segunda. Atardecer, praia, unha luz atenuada polo cansancio. Descansan os guerreiros de novo nos brazos da area, acubillándose nos compañeiros e nas compañeiras, preparándose para a retirada do campo de batalla. Mañán marchamos e só nos quedan unhas horas para estreitar lazos.





No autobús de volta a Rennes voaban corazóns colorados que ían tinguindo o solpor.
E como o mesmo ciclo da vida ou das estacións, rematamos igual que comezamos:
Unha mesa de zumes variados e postres rexionais adoban o último encontro real... Pais e fillas, nais e fillos, correspondentes apelotonados que se dispersan rabuñando uns minutos de intimidade. A angustia da separación pesa máis incluso que a emoción do primeiro bico. E os ollos comezan a chover bágoas salgadas pero non amargas. Porque os primeiros amores non teñen amargura...
Mañá ás oito será a separación por un mes e pico. E iso doe pero non manca.
Ademais... queda París.













7º día
Martes 27 de Marzo de 2012

E chegou o martes, día da grande travesía. Pillamos ao sol bostezando e saímos cara a Saint Malo intramuros. Sentimos a brisa do mar paseando polas murallas, contamos as batallas do día anterior e fixemos fotos do grupo, que cada vez era máis grupo. Paseo pola vila dos corsarios e xantar antes de voltar ao bus. Finalmente chegamos a Saint Michel. Pantalóns curtos, pes espidos e unha certa inquedanza, medo ao descoñecido, como en todo comezo dunha aventura.
Profe e todo iso cúbrese de auga? E se sobe a marea e nos pilla no medio? Sete quilómetros a pé!!! Seguide ao guía, sempre tras del, escoitade as indicacións, non vos dispersedes, coidado coas areas movedizas... Hai que cruzar o ese río? Veña sen parar!!!
Pouco a pouco entramos na ría, co paso e o espírito. Aquel deserto de area húmida foinos invadindo, e sentimos como nos sumerxíamos na beleza enorme da paisaxe. De maneira individual gardamos na retina a soidade do peregrino, vivimos a batalla dos cen anos entre franceses e ingleses, conquistamos a historia facendo o camiño ao andar. Mesmo xogamos a fundirnos coas areas entre xogos e risas. E alí, cada vez máis cerca, o Monte, cun San Michel dourado querendo chegar ao ceo. Agardando agochada entre as pedras da muralla, a vila medieval, conquistada agora polos turistas e as tendas de souvenirs. Marchamos coa tarde, co mellor souvenir de todos: vivir por unhas horas a paisaxe e formar parte dela.
































6º día
Luns 26 de Marzo de 2012

O luns Cercle Celtique con caras de sono. A mañán de brétemas bretonas levounos co Sochantre de Cunqueiro ata a historia, o baile, os traxes e a lingua de Breizh ou Bretaña. E bailamos como se soupéramos, saltando por riba dos cabalos da vergoña, xogando coma nenos...


Logo veu a vila de Roazhon ou Rennes, coas súas casas cansas de gardas as formas, pousadas unhas nas outras nun sospeitoso equilibrio que o paso dos anos converteu en beleza. O Thabor acolleunos no seu silencio verde, só interrumpido polas notas de cor que unha primavera adiantada ía afinando nos pétalos das frores. Ardemos na descuberta da cidade, baixo un sol empreñado en seguirnos o paso todos e cada un dos días que había durar a nosa expedición.



































4º e 5º días
Sábado e Domingo 24 e 25 de Marzo de 2012

A cidade de Rennes, Marché des Lices...
























3º día.
Venres 23 de Marzo de 2012
 
Chegar e abrazar o santo. As redes sociais crean realidades virtuais. As realidades virtuais remexen os peitos predispostos, e ao fin, os contos de fadas voltan á realidade a modo de apertas a descoñecidos que xa non o son tanto...
Si é el! Mira é ela! Cal é o meu profe? Non se parece, si me parece, parece que se parece. Ao parecer hai que bicarse. Pero saúda ao teu! E ti, fala coa túa!...
Unha mesa de zumes variados e postres rexionais adoban o primeiro encontro real. Unha pelota de fútbol rompe o xeo e comeza a convivencia.
 Chao profes, ata o luns! Vémonos! Levádeme con vos profes!!! Berran en silencio algúns xestos.
A viaxe en solitario faise máis dura. Cando o refuxio do grupo se desmorona arrastra con el aos bravucóns e as bravuconadas, e temos a impresión de estar espidos en terreo inimigo. Os comedores de mundos comezan un xaxún voluntario, frozado, forzoso... coa esperanza de salvarse no encontro na casa de Justine. Tan amable e enrollada que cede a súa pequena casa para os grandes adolescentes, todos, 64 almas inquedas na súa super festa sen alcool. E aínda así bailamos profe! Pasámolo ben igual! E non bebemos nada! Só había zumes... pero foi chachi!!!

Os máis afortunados viaxaron a fin de semana, outros sufriron o choque cultural compartindo coas familias.
A min déronme... a min non.... eu non quixen.... Menuda merda!!! Non falan eles, son as papilas gustativas pouco diversificadas e inmaduras, paladares mal educados ou sen educar...
Pois eu comín ben!!! (Sempre hai quen dá a nota...)
































2º día.
Xoves 22 de Marzo de 2012

Et nous voilà face au futur-scope. Petit-déjeuner con guarnición de bostezos e cabelos alborotados. Veñen pasando factura a noite de confidencias en voz alta e as confesións públicas de descontrol. Á aventura real da viaxe dámoslle o tono fantástico da ficción axitada nos simuladores. Con Morfeo pisándonos os talóns bailamos ó ritmo das tecnoloxías e voamos en varias dimensións atados á realidade co cinto da emoción desbocada... Guapo! Cachonda! O mundo está cheo de adolescentes dispostos a non pasar nunca desapercibidos. Mira aquel, mira esta, olla como afogo na risa floxa da inxenuidade e se me encenden as alarmas das meixelas indiscretas. Agora sí... O hotel, a auga de novo arrastrando as feridas dunha viaxe enorme. A liña horizontal, o secador, as pranchas do pelo, a toalla, a muda, a maquillaxe, a roupa limpa. Aderezos dunha personalidade escurridiza que precisa de continuos retoques para formarse. Morfeo desiste e vence a ansia de estar, de estar ahí con outros. E os deuses aliados afastan as nubes e encenden o sol. Iluminados os ollos comemos a tarde en liberdade. Os profes non estarán ata as sete e nós atoparémonos con nós mesmos e as nosas incongruencias. As sete. Os profes. O espectáculo de luces e auga e son. A música iluminando o lago, o son inundando a auga, a luz na noite xogando cos nosos corazóns tenros e a noite levándonos de volta ao hotel. Pizza, para todos. Eu peixe, ti outra, a ela non lle gusta, a nós gústanos, vos comédeas e eles xa se van indo ao retoque porque queren que a noite sexa adolescente coma eles. Profes imos a "La Fiesta"? Andando entre hoteis e asfalto, entre paixóns e esplanadas. Perfectamente guiados e orientados, camiñamos baixo as estrelas agardando o paraíso: música, alcohol, amigos, amigas, conectar cos descoñecidos, sentirse ollada e desexado, sentir... Sentimos que estamos perdidos. Un frío muro de metal fai que sintamos de novos os pes na terra, xusto para ter que erguelos e arriscarnos a saltar tamén o último obstáculo. Con dor e humor, uns con mais do primeiro, e outros con algo de todo, conseguimos chegar a "La Fiesta" e levar a decepción das expectativas non cumpridas. Ao final un descubre que o que xa ten é suficiente para pasalo ben e sacando forzas da xuventude e a necesidade de ser feliz comezamos a querernos a nós mesmos e rirnos de e con nós mesmos. Profes, cabróns. É ora de irse e a volta sempre é rápida, o camiño ao coñecido faise curto. Remata a función oficial e comeza a diversión clandestina que nos levará, agora sí, aos brazos de Morfeo. Iste, canso de agardarnos, deixaranos á luz do novo día sen darnos tempo a sentir o caloriño do seu colo. Almorzo, petit-déjeuner complet e variado. Maletas e bus. Outra vez na ruta, outra vez na viaxe iniciática cara á madurez que virá... ou non.














































1º día

Mércores 21 de Marzo de 2012


Quizáis deberiamos ter ollado os reloxos pero ás viaxes longas pésanlle as agullas e as agullas espétanse nas emocións xa de por sí salpimentadas das hormonas adolescentes. Javier e Javier, os choferes, imos xa mostrar os papeles, profe eu non... non, non, non comecemos. Imos xa asustados peleles. Papá eu non... non, non, non comecemos. Quizáis deberiamos saber onde imos pero a xeografía das emocións non calcula distancias lineais nun autobús preñado de expectativas inxénuas os únicos mapas reais van gardados nas guanteras inaccesibles da madurez que virá... ou non... coa viaxe. Non, non, non! Nos estamos inmóbiles e a paisaxe pasa a toda velocidade arredor da nosa caixa de cristal. Non distinguimos as montañas que deixamos das chairas que nos invaden. Viaxamos cara adentro soltando polas gorxas as realidades das que nos liberamos para voltar a enchernos de soños de risas e misterios por descubrir. As dúbidas sobreveñen igual que o día se vai e escurecen os ánimos con preguntas que os profes non responden: Minia, Sebas, Moncho! Non, non, non! Negámonos a que o silencio nos conduza entre as liñas contínuas da estrada. Por iso voltamos e nos repetimos en berros quasi histéricos coma un eco que nos empurrara cara a fronteira dos nosos límites. Entón, cáseque sen agardala, chegou Francia en forma de letras enredadas nos ferros que nos marcan o camiño.














Nota:(Todas as entradas foron realizadas en colaboración polos profesores Minia, Moncho e Sebas nos días que durou o intercambio. Tódalas imaxes que aquí se mostran non están trucadas. A alegría, a diversión e o bon rollo que expresan son de verdade. Os textos fírmaos Moncho e rubrícanos Minia e Sebas.  As imaxes de Minia e Sebas gústanlle ao Moncho tamén. As rapazas e rapaces do IES Ramón Mª Aller Ulloa que participaron nesta aventura están felices de ter un recordo para sempre deste Voyage Merveilleux. Unha grandísima aperta a todas e todos. Non deixedes de viaxar!)